Este relato de Aroa Fernández, de E. Curie, recibiu unha mención especial na I edición do Concurso de Relatos Mariños convocada pola AC Naufraxios Galegos. De novo, parabéns polo teu fermoso relato, Aroa!
Agardo que o desfrutedes. 🙂

Mariñeiros, mares impoñentes, ventos bravos e calmas ou fortes marusías son elementos característicos da nosa gran terra, dende hai moitos séculos: esta é a nosa principal fonte de riqueza e o único medio de vida para centos de familias de vilas costeiras, sen parangón.
Así, arriscados pescadores saen cada día ao mar e, voltan ao solpor, satisfeitos coas súas capturas; outros vense obrigados a deixar os seus fogares durante longas tempadas indo en grandes barcos peixeiros a traballar. Ningún lle ten medo nin ao mar, nin ao vento, nin as marusías, xogándose a vida acotío.
Mulleres e fillos despídense deles con grande dó, agardando impacientes a súa volta ou alguna nova, xa que algúns nunca conseguiron regresar; as ondas do mar envolvéronos por sempre xamais.
Esta realidade era familiar para Cora, unha rapaciña, filla dun humilde mariñeiro chamado Xosé, que vivía na vila do Grove. Cada día o home saía coa súa vella dorna na procura de linguados, pescadas e meigas que vender na lonxa. Co diñeiro que obtiña podía custear os estudios de Cora; quería mantela afastada daquela dura vida. Cora e máis a súa nai, despedíanse del movendo a man e enviándolle doces bicos a través da fiestra. Mentres agardaban o seu regreso, ocupaban o tempo coas súas habituais tarefas. Cora iba a unha pequena escola da vila xunto con moitos outros fillos de pescadores, que vivían aflixidos tamén.
Todas as noites eran unha festa na casa de Cora. Cando vían chegar a dorna de Xosé ao peirao, saían correndo a recibilo con grandes apertas.
Mais un día, unha tempestade sorprendeuno no mar; este embraveceu e as ondas semelleban moi anoxadas. Aquela tarde Xosé non voltou. Cora e a nai foron a esperalo a ver se o vían chegar…pero non sucedeu. Ben entrada a noite, regresaron a seu fogar saloucando. Xa na casa consoláronse coa esperanza de que parara nalgunha vila, preto de onde se atopaba.
As semanas seguintes, Cora foi cada tarde ao porto esperando velo chegar. Nunca sucedeu. Un día, desesperada ante a posibilidade de que o seu pai non voltara decidiu facerlle una proposta ao mar: “Deixa regresar ao meu querido pai! Non fixo nada para merecer isto. Déixao en liberdade. Deixa que volva con nós. En troco, eu xúroche que sempre te protexerei, non deixarei que ninguén te aldraxe, magoe ou trate de facerte dano. Prégocho! Devólveme o meu pai!”.
O mar e as ondas apiadáronse daquela pobre rapariga e, soltaron bágoas que se viron por toda a ribeira.
Ao día seguinte Cora voltou ao peirao coa a mesma ilusión de sempre. Cando estaba a piques de irse, ao lonxe, como se dun espellismo se tratase, viu a vella dorna do seu pai. Non daba creto! Nela o seu pai ao vela comezou a abanear as mans.
Fundíronse nunha interminábel aperta e collidos da man foron para o seu fogar. Alí o reencontro coa súa nai foi memorábel.
A partir dese intre, Cora cumpriu o seu acordo co mar.
Deixar unha resposta