O alumnado de 3º Padre Sarmiento e Irmandiños entrevistamos ao escritor Xavier Frías, que con moita amabilidade deu resposta ás nosas inquedanzas e curiosidades por correo electrónico. Queremos agradecer a Xavier a súa colaboración coa escola nesta e futuras iniciativas que terán lugar ao longo de curso.

Xavier Frías Conde é orixinario da comarca Eo-Navia de Asturias. Arestora vive na Mancha toledana. Traballa como profesor universitario na UNED. Escribe literatura desde sempre, mais gusta principalmente de escribir para nenos e nenas. Ten unha pequena editora, Ianua, e ocúpase cun blogue de literatura infantil, www.oreinodoscontos.com

 

 

Ola, rapaces e rapazas. É un pracer saudarvos. Mándovos unha aperta d’A Mancha, a terra de Don Quixote.
 
1. Que linguas sabes falar? 
 
Hai linguas que falo ben, como o español, galego, portugués, inglés, francés, catalán ou italiano. Hai outras que falo máis ou menos, como o checo (estou casado cunha checa e aprendín o idioma dela) ou o alemán.
 
2. Cantos libros escribiches?
 
Máis de cincuenta, mais entre eles hai libros para nenos, libros de poesía, libros de narrativa para adultos, etc.
 
3. Cando escribiches o primeiro teu libro?
 
O primeiro libro que publiquei, que é do que me lembro, foi en 1991. Era un libro de poemas cuxo título era “Onte foi cabalo de cinza”. A seguir publiquei un conto, no ano seguinte, co título de “O xabaril que quería engalar”. Desde ese momento, non parei de escribir.
 
4. Cal é a túa inspiración para escribires?
 
Depende do que escriba, non hai unha soa fonte de inspiración, hai moitas. Porén, para os contos e romances infantís, o que me inspira poden ser mil cousas. Por veces son palabras que se cruzan na miña cabeza e van creando soas unha estoria. Outras veces son cousas reais, que me dan pé a unha estoria, mais que adoito mudar canto ao final, sobre todo. A combinación de palabras é unha das miñas fontes de inspiración máis frecuentes. Iso é algo que utilizou un dos mellores escritores de literatura infantil, que considero un dos meus mestres, Gianni Rodari. 
 
5. En cantas linguas escribes?
 
Principalmente en galego-portugués e español. Por veces algo en inglés.
Vigo, 20 de setembro de 2018